Monday 29 de April de 2024

O PSOE de Ordes logra o apoio do pleno á súa moción para solicitar a Fomento un senda peonil entre Canedo e Mesón do Vento


Alejandro Manteiga salientou a necesidade desta infraestrutura nun tramo da estrada N-550’ “inseguro e perigoso” e no que se habilitará o futuro tanatorio
A Agrupación Socialista de Ordes acadou o apoio do pleno municipal á moción presentada na sesión de onte polo edil Alejandro Manteiga para solicitar a creación dunha senda peonil entre Canedo e Mesón do Vento. A proposta contempla que a nova infraestrutura se habilite no marxe esquerdo da N-550, mellorando, deste xeito, a seguridade dos viandantes nunha zona na que estará o futuro tanatorio, para o que tamén se solicita un acceso específico para que os peóns poidan cruzar a estrada nacional. Dita petición cursarase á Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento.

Na súa exposición, o concelleiro socialista ordense indicou que “dende o límite de Ordes ata a gasolineira, as marxes da estrada nas diferentes zonas son mínimas”, sendo este tramo “inseguro e moi perigoso”. En previsión da próxima apertura do tanatorio en Mesón do Vento “é previsible o aumento de persoas pola parte de Canedo que se teñan que desprazar por este tramo da estrada, aumentando o risco de atropelo, como xa ten ocorrido en diversos accidentes mortais neste tramo”. Por estes motivos, a Agrupación Socialista considera necesaria a realización dunha senda peonil neste tramo da N-550 pola marxe esquerda, así como un acceso para viandantes preciso para cruzar cára o futuro velorio.

Convenio con Andaina e hermanamento con Veracruz

Por outra banda, o PSOE de Ordes, a través do seu concelleiro Alejandro Manteiga, apoiou o convenio de cooperación coa Asociación Andaina, toda vez que se incluíu no acordo a enmenda presentada polos socialistas para que se destinara un local municipal para uso de dita agrupación. Cómpre aclarar, nembargantes, que dito uso non sería exclusivo, pero o espazo poderá estar a disposición das actividades de Andaina.

Tamén a Agrupación Socialista amosou o seu apoio ao hermanamento do Concello de Ordes coa cidade mexicana de Veracruz. Dita proposta xurdíu tras unha iniciativa do PSOE ordense, que promoveu a visita ao municipio dun concelleiro mexicano que investigaba a figura de Isabel Zendal, primeira enfermeira do sistema público de México e Filla Predilecta de Ordes.

Finalmente, dende o PSOE de Ordes apoiáronse diversas mocións referidas á rebaixa de impostos municipais e ó aumento da transparencia na contratación pública por parte do Concello a través dos contratos menores.